Fai un par de anos, cando estaba
inmerso na procura dun vehículo atopeime cun concepto que, ata ese momento, non
o escoitara nin nos filmes. Era o renting, ese anglicismo que logo non parei de
escoitar e incluso estudar na universidade.
Agora, por todos é coñecido esta
fórmula de financiamento, pero máis que nunca neste contexto de crise económica
a sociedade en xeral, e as empresas en particular, teñen que buscar
alternativas financeiras e parece que, no caso empresarial, o arrendamento operativo
ou renting está a ser unha boa solución.
Un dato: segundo a AER (Asociación
Española de Renting), no primeiro semestre de 2014 o renting no canle de
empresas representou un 31,18% do total desta [2]. Nos últimos anos, o sector
do renting non se veu inmune ao mal ciclo económico que estamos atravesando. A
súa facturación dende que hai datos dispoñibles non parou de medrar ata o ano
2009, ano récord cunha facturación de 4.771,33 millóns de €. A partir dese ano,
comezou a caer como consecuencia da crise económica alcanzando o seu mínimo
histórico no 2013 cuns ingresos de 3.556,15 millóns de €.
Mais nestes dous últimos anos,
semella que o arrendamento operativo está a coller folgos, pois podemos
apreciar que a súa facturación a pesar de decrecer, faino máis moderadamente; e
as compañías de renting, nestes dous últimos exercicios, están a aumentar o seu
investimento en compra de vehículos, tras 5 anos de caídas consecutivas (agás
no 2011), sendo o incremento do primeiro semestre de 2014 dun 17,07%. Ademais,
o número de matriculacións deste tipo de contrato tamén aumentou un 17,58% no
primeiro semestre do presente ano con respecto ao mesmo período do exercicio
anterior, situándose en 82.845 unidades [2].
Fonte: Elaboración propia a partir de datos das Memorias Anuais de 2007 a 2011 da Asociación Española de Renting |
Se analizamos a flota de vehículos
en renting segundo o tipo de cliente, é a grande empresa á que se “leva a
palma”, cunha cota do 68% no 2013, seguido moi de lonxe polas PEMES cun 25%. Xa
cunha participación moito menor sitúanse as Administracións Públicas (5%)
e as persoas físicas (2%). É de destacar, que a PEME é das máis prexudicadas
pola crise, todo o contrario que as grandes empresas que están superando
máximos históricos.
Pero, qué pode estar levando ás
sociedades, especialmente as grandes empresas, a utilizar este instrumento
financeiro? Vamos a tentar dar unhas posibles razóns do porqué se pode estar a
adoptar este tipo de contratos, tendo moi presente que cada empresa é un mundo
.
O que pode estar a provocar este
aumento é que as grandes empresas, especialmente as cotizadas, están tratando
de “alixeirar” o seu balance para que os analistas e inversores vexan esta
conta máis “saneada” e os ratios financeiros, como os de solvencia e liquidez,
sexan mellores. Isto débese a que esta operación é contabilizada como gasto,
polo que vai á conta de Perdas e Ganancias e non ao Balance da sociedade, e
nestes tempos esta última conta está a ser mirada con lupa polos inversores e
analistas. Ademais, ao non ser un activo non o temos que amortizar, polo que tamén
se pode ver beneficiada a tesouraría da empresa ao non ter que dotar o importe
da amortización.
Tamén, algunhas empresas intensivas
en vehículos, como pode ser o caso de Montelnor e Monbus Renting, suscribiron
este tipo de arrendamento [3]. A frota destas empresas representa un importante
gasto nas súas partidas contables e debe estar “actualizada”; non debemos
esquecer que os novos vehículos consumen menos e, dende un punto de vista de
marketing, forman parte da imaxe que a empresa quere transmitir.
Outra razón pode derivar de que a
compra dun automóbil leva consigo un desembolso inicial importante e a meirande
parte das empresas non teñen uns fluxos de caixa especialmente boiantes. O
renting non require de tal desembolso, tan só da cota de arrendamento mensual.
Por último, e moi importante, as
cotas de arrendamento son fiscalmente deducibles, tanto do IRPF como do imposto
de Sociedades, o que é un aliciente máis para “rentingbilizármonos”.
Se ben é certo que estas vantaxes
fiscais xa estaban vixentes antes da crise, agora neste contexto de crise
económico-financeira cobran vital importancia, pois estas deducións poden
mellorar o cash-flow da sociedade, que tantos quebradeiros de cabeza
está a supor para moitos directivos e xerentes empresariais.
O renting xa non só na vida
profesional senón tamén na persoal debémolo ter en conta á hora de planificar
as nosas finanzas. Pero por qué? En primeiro lugar, como dixemos, non require
dun desembolso inicial e pagas unhas cotas que xa tes pactadas de antemán. En
segundo lugar, o arrendamento operativo inclúe os gastos de reparación e
mantemento do vehículo coa vantaxe de que en calquera destas situacións, o noso
importe a desembolsar é a cota mensual, esquecéndonos, por exemplo, de
imprevistos que poden deixarnos o peto baleiro, como a rotura do turbo que pode
custar ao redor de 1.500€ [4]. Para finalizar, outro dos motivos é, que
como particular, podemos desgravar a cota do IRPF. En caso de que adquirísemos
o elemento de transporte non teriamos dereito a tal dedución.
Persoalmente, estou vendo o renting
como unha vía para dispoñer dun vehículo e penso que, aínda que a nosa “cultura
da propiedade” está moi arraigada co tempo irá mudando, posto que aínda que hai
activos como as vivendas que, en condicións normais poden non perder valor
senon incluso gañalo, un vehículo no momento no que o matriculas xa perdeu un
18% do seu valor [5].
E ti que és, máis de vehículo en
propiedade, en renting ou quizáis en leasing?
Rentingbilizámonos, ti qué opinas?
José Luis Chouza
[1] http://www.ae-renting.es/memoria2013.pdf
(páx. 54)
No hay comentarios:
Publicar un comentario