sábado, 16 de octubre de 2021

A REVOLUCIÓN BLOCKCHAIN NAS FINANZAS

 Por Alejandro García Gendra, curso 2021-22

Nos últimos anos e co paso dos días estase transformando a forma de facer transaccións. Co paso dos anos estamos vendo cambiar a forma de realizar operacións financeiras, o que nos leva a analizar se a tecnoloxía Blockchain vai ser o futuro de todas as transaccións financeiras.

Canto tempo fai desde a última vez que pagaches máis de 100 € con billetes? Usaches algunha vez o cheque como forma de pago? Sénteste estrano se non usas tarxeta de crédito ou pagas co teu móbil a través de Bizum? Canto tardará en popularizarse o uso de criptomoedas na vida cotiá?

Seguro que escoitaches acerca da existencia das moedas virtuais como pode ser o Bitcoin. Trátase dun medio de pago electrónico que serve para adquirir produtos e servicios como calquera outra moeda, pero a diferencia do resto, non é emitida por un banco central. En moitos lugares, estase fomentando o seu uso. Por exemplo, en Suíza para o pago de impostos; en Miami moitas empresas úsano para pagar unha parte dos soldos; países con economías débiles, coa finalidade de protexer os seus aforros da volatilidade, etc. Polo tanto, non é un método de pago que estea a moitos anos da súa implantación na vida cotiá, senón que en pouco tempo acabarémolo aceptando como unha forma habitual de transacción dentro da economía. Blockchain é a rede sobre a que se sostentan as criptomoedas e o tema central sobre o que versará o meu blog.

Vou a comezar definindo en qué consiste exactamente a “tecnoloxía Blockchain” pois como me pasou a min mesmo é un concepto que antes de cursar a materia de Dirección Financeira apenas escoitei sobre ela. Como define a prestixiosa Escola de Negocios da Innovación e os Emprendedores (IEBS), “a tecnoloxía Blockchain é unha tecnoloxía baseada nunha cadea de bloques de operacións descentralizada e pública. (...). É como un gran libro de contabilidade inmodificable e compartido que van escribindo unha gran cantidade de ordenadores ao mesmo tempo.” (HURTADO, 2021). En cada bloque almacénase unha cantidade de transaccións, información referente a ese bloque e a súa vinculación co bloque anterior e seguinte a través de un código como sinatura dixital. Polo tanto, cada bloque ten un lugar específico e inamovible dentro da cadea, xa que cada bloque contén información do bloque anterior

Non obstante, a pregunta que xorde é: como se pode aplicar isto ás finanzas?

En primeiro lugar, o que nos aportaría esta tecnoloxía sería unha maior seguridade e privacidade. Vouno mostra cun simple exemplo. Se queres transferir 1.000 €, telo que realizar a través da túa banca electrónica ou por métodos de pago como PayPal. Pero estes axentes para realizar as transaccións recollen os teus datos persoais, rexistran a túa actividade, etc., polo que estas grandes entidades tecnolóxicas están acumulando información que aproveitan para comercializala e realizar publicidade ultrapersonalizada (“falsa seguridade”). Ademais, este tipo de entidades pódenche cobrar unha comisión, iso sen mencionar que o usuario xa non é dono de ningunha parte do proceso.

En cambio, utilizando esta tecnoloxía, a transacción quedaría rexistrada nun bloque que é validada por un ordenador independente (os usuarios que a validan non coñecen a identidade dos intervenientes da transacción e reciben Bitcoins polo seu traballo) e xa non podería ser borrada tendo cada usuario plena dispoñibilidade da mesma en calquera momento. Dado que cada bloque está matematicamente vinculado ao bloque seguinte, unha vez que se engade un novo bloque á cadea, o mesmo vólvese inalterable. Se un bloque modifica a súa relación coa cadea, rómpese. É dicir, que toda a información rexistrada nos bloques é inmutable e perpetua. A base desta tecnoloxía é o consenso, pois se todos os nodos teñen e comparten a mesma información, a toman como válida. Simple, rápido e sen intermediarios.

Non obstante, esta tecnoloxía tamén presenta desvantaxes. Como dixen antes, a información que permanece nesta rede é inmutable, pero isto pode traer consecuencias, xa que se te equivocas no rexistro da información ou esquéceste dos datos de aceso ao teu usuario (feito que soe ser bastante común), é moi complexo poder atoparlle solución. En consecuencia, é unha tecnoloxía que aínda ten que superar determinados obstáculos.

Cabe mencionar que esta novidosa tecnoloxía non só é útil para as transaccións financeiras senón que poden aplicarse a diferentes ámbitos ou mesmo revolucionar a xestión do sector público. Algunhas das súas aplicacións serían: o almacenamento na nube (a vantaxe de presentar unha maior lonxevidade dos datos), identidades dixitais (evita a suplantación de identidades), rexistro e verificación de datos (ao ser descentralizado presenta maior seguridade), cadeas de subministro (mellora a xestión da loxística), entre outras.

En España, estanse desenvolvendo proxectos pioneiros baseados na tecnoloxía Blockchain desenvolvidos por empresas como Acciona, Cabify, Banco Santander, Caixabank, Mapfre, Naturgy e Repsol.

Gráfico obtido da web statista

Segundo un estudo de IDC sobre o “Blockchain” na empresa española, actualmente a penetración desta tecnoloxía nas compañías de máis de 50 empregados é do 11%. Particularmente, nas finanzas (un dos sectores que máis utiliza esta tecnoloxía), para 2025, IDC estima que o 20% dos préstamos ao consumo xa se transfira nunha moeda dixital do banco central.

Por outro lado, PwC prevé que esta tecnoloxía produza un impacto no PIB español en 2030 de 20.182 millóns de euros (cun impacto no PIB mundial de 1,48 billóns de euros, onde case a metade deles son de China e EE.UU). De acordo con este informe, a taxa de crecemento anual desta tecnoloxía (CAGR) en Europa occidental será do 47% de 2020 a 2024.

Na miña opinión, trátase dunha tecnoloxía con moito potencial xa que permite solucionar diferentes problemas como pode ser a seguridade ou a xestión da información. Sobre todo, nestes días nos que proliferan os ciberataques ou intentos de estafa ás contas bancarias dos particulares. Penso que chegará a ser o futuro das transaccións financeiras, o que fará necesario proporcionar información á poboación sobre esta tecnoloxía. O maior inimigo das innovacións é o descoñecemento e o medo sobre as mesmas.

Entón, que opinades? Convertirase nunha forma nova de realizar transaccións ou quedarase nunha quimera como pasou con outras tecnoloxías?

Moitas grazas por ler o meu artigo.

Referencias:

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario