domingo, 4 de marzo de 2018

Fintech: A tecnoloxía somérxese nas finanzas e axita o sector bancario

Por: Laura Meijueiro Lovelle, alumna de 4º ADE


Como estudante de Administración e Dirección de Empresas e máis concretamente da materia Dirección Financeira II, resúltame realmente interesante tratar este tema. Penso que todos aqueles que pretendamos ser bos empresarios nun futuro e desexemos traballar man a man coas finanzas debemos coñecer termos como “fintech”, pois cada vez están a gañar maior relevancia.


Quen non desexa ter as mellores condicións á hora de ofrecer e recibir crédito? Quen non quere obter os mellores resultados? Pois, baseándonos nisto, en moitas ocasións decantámonos por alternativas tales como empresas de crowdlending ou mesmo pequenas axencias inmobiliarias que permiten que certos inversores compren unha pequena participación dun inmoble e obteñan unha determinada rendibilidade. En definitiva, existen diversos inversores que desexan diversificar as súas inversións máis aló das opcións que lle poida ofrecer un banco e hai pequenas empresas capaces de facerlle fronte a outras de maior tamaño, empresas que aplican a tecnoloxía nas súas actividades diarias e provocan que co paso do tempo un maior número de compañías de gran tamaño desexen incorporar tales avances nas súas finanzas. De feito, os bancos están cada vez máis interesados polas fintech.

Tras esta pequena introdución, paréceme importante ofrecer una definición de fintech para poder comprender mellor de que estamos a falar e, deste xeito, poder profundar máis no tema nos seguintes parágrafos. Segundo o Club Fintech de Wharton, as fintech son unha industria composta por diferentes empresas que empregan a tecnoloxía para conseguir que os mercados financeiros gañen eficiencia. Ou o que é o mesmo, fintech fai referencia a un grupo de empresas que se dedican a ofrecer servizos financeiros innovadores, preferentemente a través de novos canais de distribución. E isto é algo que, baixo o meu punto de vista, se pode relacionar en gran medida con diversos aspectos estudados en Dirección Financeira II. 

As fintech máis que camiñar en contra dos bancos desexan colaborar con eles, estreitar lazos cos mesmos. Que a gran competencia que levan a cabo as fintech a través de tecnoloxía informática contra a banca tradicional non sempre remata nunha guerra, se non que se poden chegar a unir e xerar, deste xeito, enormes beneficios para o cliente. Navegando pola rede atopei un caso que, ao meu parecer, exemplifica isto de maneira adecuada, un caso no que se poden apreciar os beneficios da suma fintech e banca tradicional. Ben é certo que igual vos resulta familiar, pois é bastante recente. Trata da colaboración entre Evo Banco e Finizens, un exemplo que mostra como un banco tradicional é capaz de elaborar un produto financeiro empregando a tecnoloxía dunha fintech. A través dun algoritmo, o robo – advisor de Finizens xestiona de maneira automática a carteira do inversor de Evo Banco, adquirindo accións do mercado bursátil segundo a súa rendibilidade. Con isto o cliente obtén un beneficio claro, xa que sen esta ferramenta, o cliente debería estar pendente da súa inversión ou mesmo tería que pagarlle a un xestor para que lle axudase a facelo.


Moitos pregúntanse se se trata de algo seguro para xestionar as empresas e incluso reflexionan sobre se se tratará simplemente dunha moda pasaxeira. Pois ben, eu non podo responder a estas preguntas, mais gustaríame rematar cunha frase que recordaba o economista Santiago Carbó nun dos seus múltiples artigos: “En los servicios financieros se hace siempre lo mismo, lo que cambia es el modo de hacerlo. Y eso, a veces, lo es todo”. E, quizais, isto é o que ocorre co fintech.  

Moitas grazas a todos por adicarme un anaquiño do voso tempo.


Páxinas web consultadas:                           

No hay comentarios:

Publicar un comentario